<< atrás

CONTRATO DE EDICIÓN

CLÁUSULAS

1ª.- A AUTORA entregaralle á EDITORA o orixinal da obra

xxxxxxxxxxxxx

que formará parte da colección xxx de ESTALEIRO EDITORA.

2ª.- A AUTORA cédelle á EDITORA o dereito de reproducir e distribuír a obra obxecto deste contrato pola súa conta e risco e nas condicións pactadas.

3ª.- A presente cesión de dereitos non ten carácter de exclusiva, e a AUTORA pode ceder a obra a todas as editoras que crea conveniente, sempre que a licenza baixo a que esta nova publicación teña lugar non torne ilegal a publicación obxecto deste contrato nen aqueloutras que a licenza coa que esta EDITORA traballa permita.

4ª.- A obra estará publicada baixo a licenza Creative Commons, coas seguintes características:

Atribución: permite a outros copiar, distribuír, exibir e executar o traballo e/ou traballos derivados deste, só se eles dan ao creador o crédito correspondente.

Non comercial: permite a outros copiar, distribuír, exibir e executar o traballo e outros traballos derivados baseados neste, só para propósitos non comerciais.

Compartir baixo condicións similares: permite a outros distribuír traballos derivados só baixo unha licenza idéntica á licenza que regulou o seu traballo.

A EDITORA facilitaralle á AUTORA unha copia do resumo en linguaxe común do texto da licenza e outra copia do texto con validez legal.

5ª.- O presente contrato autoriza á EDITORA (e esta comprométese a facelo en todos os casos) a publicar a obra en galego e na normativa escollida pola AUTORA, e nos seguintes formatos:

Libro impreso: edicións venais ao prezo fixado pola EDITORA
E-Book: consulta gratuíta na web da EDITORA e en webs afíns.

Asimesmo, a EDITORA resérvase o dereito de editar a obra en calquera outro formato posíbel.

6ª.- A duración da validez do presente contrato será pactada entre a AUTORA e a EDITORA. Nese período de tempo, a EDITORA poderá realizar cantas edicións xulgue oportunas da obra e dará aviso á AUTORA antes de todas as edicións para ofrecerlle a posibilidade de introducir modificacións. Estas modificacións realizaranse nun prazo de tempo a pactar entrambas partes.

7ª.- A primeira edición da obra terá unha tiraxe mínima de 80 exemplares e máxima de 500. As posteriores edicións non terán un número de exemplares prefixado.

8ª.- O número de exemplares de cada edición, dentro dos mínimos e máximos establecidos ao respecto no presente contrato, e o seu prezo de venda ao público, serán fixados pola EDITORA.

9ª.- A AUTORA renuncia a calquera participación nos ingresos derivados da explotación da obra.

10ª.- A EDITORA comprométese a pór a disposición da AUTORA todas as facturas que esta desexe a fin de demostrar que a única finalidade destes ingresos é a continuidade do propio proxecto e non o lucro. Estas contas serán feitas públicas para quen desexar consultalas.

11ª.- A distribución da obra corresponderá á EDITORA. A AUTORA, previo acordo entrambas partes, poderá ocuparse se quixer dunha parte da distribución, mais os ingresos deberán retribuírse íntegros en todo caso á EDITORA.

12ª.- A AUTORA, sempre que non haxa motivos xustificados que o impidan, comprométese a participar como tal nun mínimo de dúas apresentacións públicas da obra. O número e localización destas apresentacións será acordado por ambas partes.

13ª.- A EDITORA someterá á AUTORA as probas da primeira edición da obra, quedando obrigada esta a devolverllas nun prazo acordado por ambas partes. A AUTORA, durante o período de corrección das probas da obra, poderá introducir as modificacións que estime imprescindíbeis, sempre que non alteren o seu carácter ou finalidade, nen se eleve substancialmente o custo da edición.

14ª.- A EDITORA entregaralle á AUTORA o 5% dos exemplares da primeira edición da obra e de todas as edicións sucesivas que inclúan mudanzas substanciais.

15ª.- Cando por cesamento da actividade da EDITORA se suspenda a explotación da obra, o presente contrato de edición ficará resolto.
16ª - O incumprimento por parte da autora dalgunhas obrigas presentes neste contrato poderá ter como consecuencia extrema que Estaleiro Editora decida en asemblea ordinaria nom publicar mais textos producidos por esa autora, ben con carácter definitivo ou ben temporal.

En proba de conformidade, as dúas partes asinan o presente contrato na data e lugar arriba indicados.

estaleiroeditora@gmail.com